A teoría que dá base á construción do comunismo ten como punto de partida a análise feita por Marx da sociedade capitalista. Segundo el, a propiedade privada dos medios de produción, característica fundamental do capitalismo, só existe coa apropriación da plusvalía pola clase dominante, ou sexa, a explotación do home polo home é fundamental ao capitalismo.
O comunismo defende a conquista do poder polo proletariado (clase traballadora), a abolición da propiedade privada dos medios de produción, e polo tanto a desaparición das clases como categorías económicas, o cal, finalmente, conlevaría a extinción do Estado como ferramenta de dominación dunha clase sobre outra.
Para chegar a tal Estado, Marx propón unha fase de transición, coa toma do poder polo proletariado para abolir a propiedade privada dos medios de produción e a consecuente orientación da economía de forma planeada co obxectivo de suprir todas as necesidades da sociedade e os seus individuos. Marx entende que, coas necesidades supridas, deixan de existir as clases sociais e, polo tanto, non existe a necesidade do Estado.
Os teóricos máis importantes do comunismo foron, no século XIX, Karl Marx e Friedrich Engels, e no século XX, Vladimir Illich Ulianov "Lenin".
No século XX foron moitos os Estados do mundo que decidiron tomar a vía socialista como camiño cara o comunismo, sendo o primeiro estado socialista do mundo a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), nada da Revolución de Outubro de 1917, guiada nos seus primeiros anos por Lenin coa súa Nova Política Económica (NEP), á cal lle seguiron outros, coma China, Vietnam, Cuba, Laos, Sri Lanka, Corea do Norte e a extinta Rep. Pop. do Iemen. Hoxe en día moitos destes estados cambiaron o seu modelo económico polo capitalismo, e son poucas as repúblicas que aínda manteñen unha economía socialista.
O modelo económico comunista ten a súa base na propiedade común dos bens de produción e o reparto das plusvalías entre os traballadores, e coma fin ten a desaparición das clases sociais en prol dunha soa, a Clase Obreira, nunha sociedade na que todos terán iguais dereitos e oportunidades.
O comunismo defínese como superación histórica do capitalismo, e apóiase filosófica e cientificamente no materialismo dialéctico e no materialismo histórico, guías filosóficas do coñecemento elevadas a rango de ciencia por Karl Marx e Friedrich Engels.
Adoptou a bandeira vermella cunha fouce e un martelo cruzados (símbolo da unión da clase obreira e o campesiñado), e dende a súa orixe tivo carácter internacionalista, aínda que o estalinismo recuperou o discurso nacionalista da "nai Rusia" durante a Segunda Guerra Mundial, á que a propaganda soviética sempre chamou "Gran Guerra Patria".
0 comentarios:
Publicar un comentario